22 oct. 2012

Pacientes de cáncer alertan de que el hospital de Santiago les retrasa el tratamiento por ser caro


abiraterona é un potente fármaco contra o cancro de próstata. De recente aparición -nos Estados Unidos, por exemplo, comezou a empregarse en 2011- resulta eficaz nas persoas que sofren este tipo de tumor e afectados por unha metástase -extensión a outros órganos- pero non resonden aos "tratamentos convencionais", isto é, a outros principios activos empregados nos tratamentos de quimioterapia. Diversos hospitais do Estado, entre eles o Lucus Augusti de Lugo, administran xa a abiraterona por estar xa probada a súa eficacia para frear a doenza e para incrementar as ratios de supervivencia. Pero isto non acontece con normalidade no Clínico de Santiago (CHUS), onde cando menos tres pacientes oncolóxicos levan xa seis meses agardando por este principio activo. A razón? O seu prezo.
Quen lanza esta alerta é a Asociación de Usuarios do Servizo de Oncoloxía (Auso) deste centro hospitalario, ata hai ben pouco considerado unha referencia no tratamento do cancro. Os profesionais do prestixioso equipo oncolóxico do hospital veñen recomendando dende hai seis meses, segundo denuncia Auso, que a abiraterona sexa administrada. Pero precisan que a dirección do hospital autorice o gasto e esta vénse "negando sistematicamente", aínda que isto supoña "contravir a opinión médica", censuran. A presidenta do colectivo, Montse Recalde, considera "evidente", en conversa con Praza Pública, que son os motivos económicos os que están por tras deste adiamento, sobre o que a dirección do centro hospitalario "nos di simplemente que a Comisión de Farmacoterapia" do Sergas "aínda non tomou unha decisión a respecto deste medicamento".
O medicamento administrouse "mentres foi gratuíto, no período previo á súa comercialización" e "suprimiuse despois", denuncian os pacientes
Pero, é imprescindible a entrada en escena deste organismo? Non. "Cando isto sucede -explica Recalde- a dirección do CHUS" adoita "autorizar a aplicación deste medicamento paciente por paciente", pero neste caso "non se autoriza". "É a primeira vez que pasa pero moito nos tememos que pase máis de agora en diante, polos recortes", lamenta, nun contexto no que Auso lamenta que "a dirección do hospital de Santiago prefira supeditarse a criterios económicos e aforrar os 25.000 euros que vén custando un tratamento de 8 ciclos por paciente". "Así o constata o feito de que ese tratamento se administrase mentres foi gratuíto, no período de expansión previo á súa comercialización, para suprimilo despois", abondan. "Preguntámonos se xestores sanitarios e partidos de goberno están dispostos a sacrificar os enfermos máis graves e custosos para tranquilizar os mercados", din.

Outras deficiencias do servizo

Se ben é a primeira vez que se produce este tipo de adiamentos na administración dun tratamento de quimioterapia as protestas de Auso non son inéditas. "Xa saímos varias veces a protestar polo funcionamento do servizo", lembra a presidenta de Auso, facendo especial fincapé no feito de que moitas das súas reclamacións "non custan cartos". Son, por exemplo, a petición de "que se puxese un teléfono de atención continuada" para doentes de cancro, "para evitar que ante as dúbidas que os asaltan na casa" sobre, por exemplo, o xeito de administrarse unha medicación, "teñan que desprazarse a Santiago", maís aínda tendo en conta que polas vías de contacto telefónico ordinario no hospital de día do CHUS "non che collen o teléfono", a causa da gran saturación.
"O equipo médico é un gran equipo, o que falla é a capacidade administrativa"
A diferenza doutro tipo de pacientes "un enfermo oncolóxico xa ten todas as probas, o que lle pasa xa o sabe" e, polo tanto, a inexistencia desta canle de comunicación obrígao a acudir ao hospital e, "se ten a mala sorte de que sexa un venres a partir das tres da tarde" ou durante a fin de semana, "ten que ingresar por urxencias" o que, evidencia, é "ineficiente", porque se lle realizarán exploracións que xa lle foron feitas. O pasado maio, nunha xuntanza con Auso, a dirección do centro "quedara de poñer un correo electrónico" para atender este tipo de consultas, "pero seguimos esperando", lamenta Recalde nun contexto no que, lembra, "o equipo médico" de Oncoloxía do CHUS "é un gran equipo". O que falla, asegura, é a "capacidade" para resolver "cuestións administrativas" ou incrementar o persoal ao servizo dos pacientes.
COA TÚA ACHEGA FAS POSIBLE QUE SIGAMOS PUBLICANDO NOVAS COMA ESTA.

No hay comentarios:

Publicar un comentario